30.1.06

correo

despois dunha semana acatarrada, un novo poema.

21.1.06

pudor

acabo de engadir estoutro texto recén parido. botei un bo anaco (dende que se me ocorreu a idea ata que sentei a escribir) facendo unha primeira construción mental do poema. pero cando sento a escribir a maior parte das cousas van quedando en ideas e o poema transcorre un pouco libremente.

igual era a isto ao que nos referiamos con celso e con estevo un día, non hai moito, cando comiamos xuntos. e todo está fiado cun post da vaca de hai un tempo.

dicia a vaca naquel post que cando se fai a construción mental do poema, a "paisaxe", digamos, énchese de imaxes visuais, olfativas, táctiles, de mínimos detalles que, no momento de sentarse a escribir, un non é quen de deitar en palabras.

a vaca pensaba que iso era unha demostración das limitacións da linguaxe, pero esa idea comezou a desmontarlla "aisa" traendo a colación a heidegger e a súa teoría de que o pensamento é lingüístico e, xa que logo, non se pode pensar nada que non poida ser posto en palabras.

efectivamente, cando se traslada ao papel un texto previamente construído na cabeza, moitas cousas non chegan ao papel. pero non é que un non sexa capaz de transcribir esas ideas en palabras. é, simplemente, que un selecciona de todos os detalles da imaxe, aqueles que son precisos para a construción do poema. poderíase describir todo, pero sería farragosísimo e o resultado, probabelmente, inútil. a selección do que se di fai que a paisaxe do poema quede chea de pequenos ocos nos que o lector pode engadir elementos da súa propia colleita. eses ocos (e non o que está dito) son os que fan que o poema teña sentido para os demais.

non pensei en todo isto cando construía mentalmente o poema. nin tampouco cando o transcribía. afortunadamente. pero si cando o relín antes de engadilo ao libro.

19.1.06

títulos

cousa dificilísima poñer títulos. e porque algún dos poemas tiña, estou forzando títulos para os demais. sobre todo para os que van aparecendo novos. e debo recoñecer que saen títulos malísimos.

tampouco era fundamental o que tiña antes de empezar... igual o que debía facer é quitalos todos. xa se sabe. a tesoura...

18.1.06

esperar

un poema agradecido. acaba de nacer.

ogallá sexa igual
algún día
a todo o recibido

a soidade procurada

un mal título para un poema que está moi moi verde.

en realidade isto é un exceso de ousadía. este poema non son, probabelmente, máis que apuntes para un poema.

pero hoxe penso que debe ir a carón dos demais.

17.1.06

tesouras

a principal ferramenta do escritor non é o lápiz (boli, pluma, rotulador ou teclado) senón as tesouras.

na súa homenaxe, estou considerando retirar dous textos do libro.

son os titulados "os días de despois (I)" e "os días de despois (II)". non é que non me gusten. gústanme, pero creo que non seguen a liña do resto de textos do libro.

xa mo parecera cando os incluín, pero como o primeiro paso era armar o feixe, quedaron.

son textos cun cariz máis intimista, próximo aos poemas doutros libros anteriores (mapas... ou mesmo lúa gris).

o que me gustaría facer agora ten outro ton, máis narrativo e continuando o ton máis reflexivo dalgúns poemas de derrotas.

pero tampouco se trata de deixarse levar por un primer impulso. vounos marcar como para borrar e vouno pensar uns días.

15.1.06

comeza o proceso

o primeiro paso é recoller un feixe de textos escritos nos últimos meses que teño a sensación de que poden levarse ben xuntos.

empezar a pensar nun libro por unha sensación pode resultar excesivo. a realidade é que esa sensación é o único que teño polo de agora, a maiores deste feixe de textos soltos.

vexo que varios textos teñen título (cousa pouco habitual en min). outros non. presa da miña necesidade de orde, vou dar título aos poemas que non o teñen.

algúns textos naceron por encargas. outros transcribinllos á vaca para o seu blog e, finalmente, outros naceron como comentarios no blog de sara jess.

agora están reunidos e empezan a andar xuntos. a ver que dan de si.