25.2.09

johann joachim winckelmann

novo poema da serie esca e pedra.
desta, o asasinato do "fundador" da historia da arte. nada menos.

24.2.09

presentación do libro os veos da paisaxe

este venres 24 de febreiro presentarei a edición en papel do meu libro os veos da paisaxe na galería sargadelos de ferrol.



para a ocasión, faremos unha especie de sesión aberta do obradoiro literario de fene.

participará da sesión, antonio piñeiro, editor do libro. haberá un pequeno recital poético e faremos unha actividade sinxela de escrita a partir das fotografías da exposición "os veos da paisaxe".



o libro estará á venda ese día na presentación e, como se trata dunha edición de só 80 exemplares, non sei se será viábel dar con el en moitos sitios.

bibliófilos! amigos! parentes! parentes dos amigos! amigos dos parentes! mascotas dos bibliófilos! vila toda de ferrol! cidadáns da moi grande e noble comarca de ferrolterra! acudide en masa!

11.2.09

clube de poesía de carral

onte estiven convidado nunha tertulia do clube de poesía de carral. é un grupo de xente que escrebe e se reúne na biblioteca municipal para ler os seus textos.

conteilles un pouco a miña experiencia literaria e aproveitei para falar de diferentes asuntos que se foron cruzando.

estiveron ben atentos á conversa e mais fixeron unhas cantas preguntas cando decidín pechar a boca por fin.



son xente interesada polo quefacer da escrita e con ganas de aprender.

deilles unha serie de ideas a propósito de empezar a facerse lecturas críticas entre eles. penso que un obradoiro literario como o de fene podería serlles de utilidade. a algúns deles polo menos.

había tempo que non ía pola biblioteca municipal de carral.
a última vez fora para a entrega do premio de poesía a marcos calveiro.

antes, fora dúas veces cando me tocou a min recoller o premio e presentar o meu libro gañador do certame, derrotas.

parece que foi hai séculos...

telde

hoxe publícase un novo poema da serie "esca e pedra". o artigo da galipedia é sobre unha vila da illa de gran canaria pero eu derivei o asunto a un barco de emigrantes (canarios e outros) que foi para cuba alá polo 1919.

3.2.09

os veos da paisaxe en bourel

hoxe chegaron ás miñas mans os tres primeiros exemplares da nova edición en papel d'os veos da paisaxe, feita polas mans artesás de antonio piñeiro.
este será o meu exemplar icónico da edición:


non sei se o contei aquí pero a edición consta de 80 exemplares cosidos e colados a man, ilustrado cada un deles cunha serie orixinal de cinco fotografías (unha na portada e o resto no interior).
leva o número 77.
a serie é "orixinal" porque está impresa en papel fotográfico e pegada a man cada foto en cada exemplar e mais porque cada unha das cinco fotos é única. non se repite ningunha foto dun exemplar para outro. podedes botar contas, son doadas.
aquí podedes ver o exemplar 77 acompañado polo 78 e mais o 80.


como xa anunciei e voltarei anunciar, a presentación será ao longo deste mes de febreiro na galería sargadelos de ferrol, no marco da exposición que alí temos montada o igor lugris e mais eu.