28.1.09

os veos da paisaxe (fotografías)

entre o 6 e o 28 de febreiro a galería sargadelos de ferrol exporá algunhas das fotografías que conforman o meu traballo "os veos da paisaxe".

comparto espazo co meu amigo igor lugris quen amosará parte dos seus poemas visuais "poesía para ver poesía para ler".

a inauguración (con recital poético e, sobre todo, pinchitos) terá lugar o 6 ás 20.

ademais, o venres 13, se todo vai ben, presentaremos no entorno da exposición a primeira edición en papel d'os veos da paisaxe, un vello libro meu que xa viu un par de edicións dixitais (retagarda edicións en 2000 e biblioteca virtual galega xa non sei en que ano).

o libro publícase grazas ás artes de antonio piñeiro en edicións bourel. son 80 exemplares artesanais que conteñen, cada un, 5 fotografías orixinais (diferentes en cada exemplar), todas da mesma serie das que se expoñen.

xa sei que a algúns de vós ferrol vos colle a desmán. con todo, comparto convosco a alegría (e os nervos propios) do evento, encantaríame vervos e agradecereivos que corrades a voz.

aquí van algunhas pequenas mostras das fotos, aínda que na expo veranse montadas en series e etcéteras adicionais que non revelarei aquí.



21.1.09

neptune

novo poema da serie esca e pedra.
un grupo estadounidense de noise music é o protagonista da semana.

levo uns anos escoitando músicas que se asemellan ao que fai este grupo que non coñecía. con todo, descubrín que trasladalo a palabras non é tarefa doada.

10.1.09

na lonxa

onte á noite estiven na lonxa literaria de moaña. para quen non o saiba, trátase dun grupo de xente que organiza unha tertulia literaria con escritores para falar dun libro concreto. eles chamáronme para falar de construcións.
é unha tertulia "encadeada". cada autor convidado propón o autor ou autora da seguinte tertulia.
a min propúxome (e agradézollo) verónica martínez delgado.
e eu non vou dicir a quen propuxen para non adiantarme á chamada que a tal persoa recibirá nos próximos días.
a tertulia é interesante: o grupo é heteroxéneo e todos os seus membros len o libro a conciencia e preguntan incisivamente.
quedei con pena de que falamos máis doutras cousas relacionadas coa literatura e menos do libro en si. e penso que o mesmo lles pasou a varios dos que alí estaban.
é o malo de xuntarse a falar de libros que traen polémicas extra-literarias detrás.
de todos os xeitos, a experiencia é moi satisfactoria, non sempre pode un sentarse a conversar abertamente cun grupo de lectores interesados.

7.1.09

entrevista en ant-tv

hoxe sae a entrevista que me fixo bocixa para ant-tv.
pode verse aquí

monte de san trocado