22.5.09

construcións nas pontes

con algo de retraso, aquí van as fotos da presentación de construcións nas pontes o pasado 14 de maio.
este é o público (homenaxe a isaac díaz pardo).



e esta é a construción:



foi un recital amábel. sentinme a gusto no meu retorno á biblioteca das pontes na que coordinara un obradoiro literario durante algúns anos.
e penso que a xente quedou contenta. cando menos, vendéronse uns cantos libros e recibín varias felicitacións.

voltarei ás pontes o próximo 5 de xuño como poeta convidado do grupo alalá que celebra ese día o seu recital de primavera.

11.5.09

carral na casa

así... sen facer ruído... o premio de poesía de carral volve á casa. e recibímolo encantados!

6.5.09

esca e pedra

hai algunhas semanas que non comento as publicacións de esca e pedra...
desta volta, unha hortaliza que me encanta.

hai un par de semanas, publiquei o primeiro poema con foto en cor. non estaba completamente en cor, pero a foto pareceume preciosa e precisa para o texto en cuestión: unhas mazás máxicas.

esta semana, metinlle man á foto dos ravos que atopei en wikimedia commons e penso que quedou unha foto xeitosa. non son os clásicos ravos de bandexa de poliestireno expandido pero isto é poesía :-P

4.5.09

mércores en ruta

o mércores pola mañá cediño, lucía aldao e mais eu collemos estrada cara a chantada. aló, no ies lama das quendas agardábanos unhas cantas sorpresas.

os alumnos e as alumnas de bacharelato, ao mando de susana, a súa profe de galego, preparan unha semana da poesía na que se implican como poucas veces vin.

ela dálles a escoller un libro de poesía actual dunha lista máis ou menos grande e, en todo caso, ben curiosa, e despois preparan unha serie de artefactos (cada libro, un artefacto) cos que montan unha exposición para tentar convencer aos demais alumnos do centro de que o libro paga a pena ser lido.

a imaxinación desta xentiña é abraiante.

aquí poño algunhas fotos para que vexades cousas que fixeron a partir dos meus lúa gris e derrotas.

como remate da semana, organizan un recital poético. este ano tocounos a lucía e mais a min. foron dúas horas de clase con dous grupos diferentes. preparan unhas presentacións lírico-informativas moi ben curradiñas e despois o recital lévase ben a pesar de que aló hai moita xente metida dentro dunha sala grande e sen micros.

a min, que me costa moito recitar a berros, quedoume a sensación de que todo o mundo oía e atendía.

tamén fixeron un vídeo a partir dun dos poemas. teño que pelexarme un pouco co youtube para subilo. xa vos contarei en canto o teña.

como sempre, aquí deixo a foto dunha das construcións de pola mañá:


pola tarde presentei construcións na biblioteca de poesía uxío novoneyra de culleredo. non había demasiada xente pero o recital foi bonito e tiven ocasión de coñecer o historiador do concello que é tamén un dos técnicos de cultura, carlos pereira. un tipo interesante e intelixente que se currou unha presentación do acto en tempo record (e non só copiando e pegando de internet) e co que compartimos un café ao remate do acto que agardo non sexa o último.