22.5.09

construcións nas pontes

con algo de retraso, aquí van as fotos da presentación de construcións nas pontes o pasado 14 de maio.
este é o público (homenaxe a isaac díaz pardo).



e esta é a construción:



foi un recital amábel. sentinme a gusto no meu retorno á biblioteca das pontes na que coordinara un obradoiro literario durante algúns anos.
e penso que a xente quedou contenta. cando menos, vendéronse uns cantos libros e recibín varias felicitacións.

voltarei ás pontes o próximo 5 de xuño como poeta convidado do grupo alalá que celebra ese día o seu recital de primavera.

11.5.09

carral na casa

así... sen facer ruído... o premio de poesía de carral volve á casa. e recibímolo encantados!

6.5.09

esca e pedra

hai algunhas semanas que non comento as publicacións de esca e pedra...
desta volta, unha hortaliza que me encanta.

hai un par de semanas, publiquei o primeiro poema con foto en cor. non estaba completamente en cor, pero a foto pareceume preciosa e precisa para o texto en cuestión: unhas mazás máxicas.

esta semana, metinlle man á foto dos ravos que atopei en wikimedia commons e penso que quedou unha foto xeitosa. non son os clásicos ravos de bandexa de poliestireno expandido pero isto é poesía :-P

4.5.09

mércores en ruta

o mércores pola mañá cediño, lucía aldao e mais eu collemos estrada cara a chantada. aló, no ies lama das quendas agardábanos unhas cantas sorpresas.

os alumnos e as alumnas de bacharelato, ao mando de susana, a súa profe de galego, preparan unha semana da poesía na que se implican como poucas veces vin.

ela dálles a escoller un libro de poesía actual dunha lista máis ou menos grande e, en todo caso, ben curiosa, e despois preparan unha serie de artefactos (cada libro, un artefacto) cos que montan unha exposición para tentar convencer aos demais alumnos do centro de que o libro paga a pena ser lido.

a imaxinación desta xentiña é abraiante.

aquí poño algunhas fotos para que vexades cousas que fixeron a partir dos meus lúa gris e derrotas.

como remate da semana, organizan un recital poético. este ano tocounos a lucía e mais a min. foron dúas horas de clase con dous grupos diferentes. preparan unhas presentacións lírico-informativas moi ben curradiñas e despois o recital lévase ben a pesar de que aló hai moita xente metida dentro dunha sala grande e sen micros.

a min, que me costa moito recitar a berros, quedoume a sensación de que todo o mundo oía e atendía.

tamén fixeron un vídeo a partir dun dos poemas. teño que pelexarme un pouco co youtube para subilo. xa vos contarei en canto o teña.

como sempre, aquí deixo a foto dunha das construcións de pola mañá:


pola tarde presentei construcións na biblioteca de poesía uxío novoneyra de culleredo. non había demasiada xente pero o recital foi bonito e tiven ocasión de coñecer o historiador do concello que é tamén un dos técnicos de cultura, carlos pereira. un tipo interesante e intelixente que se currou unha presentación do acto en tempo record (e non só copiando e pegando de internet) e co que compartimos un café ao remate do acto que agardo non sexa o último.

6.4.09

conxo

tamén tiña pendentes as fotos do recital con motivo do banquete de conxo.

desta vez, na homenaxe a díaz pardo, aparecen entre o público as miñas compañeiras de cartel: alba cid, emma pedreira, olalla cociña, maría lado e lucía aldao.

onde está wally?

arriba á esquerda, con camiseta amarela, lucía aldao. ao seu lado, maría lado.
no terceiro chanzo, a terceira empezando pola esquerda é alba cid. xusto encima dela, tamén de morado, olalla cociña. e encima de olalla, algo á esquerda, emma pedreira.

eu non saio, porque estaba sacando a foto. pero si sae a construción:



e aquí tendes as poetas en plena tarefa por rigorosa orde de aparición:

alba cid


olalla cociña


emma pedreira


aldao+lado



vigo

con algo de retraso, algunhas fotos da presentación de construcións libro en andel, de vigo.




23.3.09

construcións en vigo e máis

o próximo xoves 26 de marzo estarei en vigo presentando construcións. será na libraría andel ás 20:00.

o venres pola mañá darei unha conferencia no centro sociocultural da república independente de conxo para alumnos do instituto compostelán eduardo pondal. o tema: "blogs de literatura".

prometo postear en mirar para este lado un resumo do que alí se fale.

pola noite, na conmemoración do banquete de conxo, participarei dun recital poético no mesmo sitio.

entre unha cousa e outra teño sesión de obradoiro literario en fene polo que poden ir botando contas dos kilómetros da semana...

construcións nominado aos premios aelg 2009

non é moito mérito, porque categoría de poesía están nominados nada menos que 12 títulos! pero este meu construcións é un deles.
agradezo ás persoas que o votaron, facendo posíbel chegar a este punto da competición.
e agradezo, unha e mil veces a paco macías, o editor que fixo posíbel que isto chegase a tan bo porto.

6.3.09

os veos e máis

a presentación d'os veos da paisaxe en ferrol, con sesión aberta do obradoiro literario foi, penso, un éxito.
había xentiña nova, piñeiro contounos de que ía o asunto das edicións artesanais, eu contei un pouco a historia deste libro e fixemos un pequeno xogo que deu de si, penso...
hai unha crónica en certo.es.
agora toca poñer a cabeza noutro lado.
para seguir, esta semana saíu un novo (e bastante ilustrado, como correspondía ao tema) poema da serie esca e pedra...

25.2.09

johann joachim winckelmann

novo poema da serie esca e pedra.
desta, o asasinato do "fundador" da historia da arte. nada menos.

24.2.09

presentación do libro os veos da paisaxe

este venres 24 de febreiro presentarei a edición en papel do meu libro os veos da paisaxe na galería sargadelos de ferrol.



para a ocasión, faremos unha especie de sesión aberta do obradoiro literario de fene.

participará da sesión, antonio piñeiro, editor do libro. haberá un pequeno recital poético e faremos unha actividade sinxela de escrita a partir das fotografías da exposición "os veos da paisaxe".



o libro estará á venda ese día na presentación e, como se trata dunha edición de só 80 exemplares, non sei se será viábel dar con el en moitos sitios.

bibliófilos! amigos! parentes! parentes dos amigos! amigos dos parentes! mascotas dos bibliófilos! vila toda de ferrol! cidadáns da moi grande e noble comarca de ferrolterra! acudide en masa!

11.2.09

clube de poesía de carral

onte estiven convidado nunha tertulia do clube de poesía de carral. é un grupo de xente que escrebe e se reúne na biblioteca municipal para ler os seus textos.

conteilles un pouco a miña experiencia literaria e aproveitei para falar de diferentes asuntos que se foron cruzando.

estiveron ben atentos á conversa e mais fixeron unhas cantas preguntas cando decidín pechar a boca por fin.



son xente interesada polo quefacer da escrita e con ganas de aprender.

deilles unha serie de ideas a propósito de empezar a facerse lecturas críticas entre eles. penso que un obradoiro literario como o de fene podería serlles de utilidade. a algúns deles polo menos.

había tempo que non ía pola biblioteca municipal de carral.
a última vez fora para a entrega do premio de poesía a marcos calveiro.

antes, fora dúas veces cando me tocou a min recoller o premio e presentar o meu libro gañador do certame, derrotas.

parece que foi hai séculos...

telde

hoxe publícase un novo poema da serie "esca e pedra". o artigo da galipedia é sobre unha vila da illa de gran canaria pero eu derivei o asunto a un barco de emigrantes (canarios e outros) que foi para cuba alá polo 1919.