4.5.09

mércores en ruta

o mércores pola mañá cediño, lucía aldao e mais eu collemos estrada cara a chantada. aló, no ies lama das quendas agardábanos unhas cantas sorpresas.

os alumnos e as alumnas de bacharelato, ao mando de susana, a súa profe de galego, preparan unha semana da poesía na que se implican como poucas veces vin.

ela dálles a escoller un libro de poesía actual dunha lista máis ou menos grande e, en todo caso, ben curiosa, e despois preparan unha serie de artefactos (cada libro, un artefacto) cos que montan unha exposición para tentar convencer aos demais alumnos do centro de que o libro paga a pena ser lido.

a imaxinación desta xentiña é abraiante.

aquí poño algunhas fotos para que vexades cousas que fixeron a partir dos meus lúa gris e derrotas.

como remate da semana, organizan un recital poético. este ano tocounos a lucía e mais a min. foron dúas horas de clase con dous grupos diferentes. preparan unhas presentacións lírico-informativas moi ben curradiñas e despois o recital lévase ben a pesar de que aló hai moita xente metida dentro dunha sala grande e sen micros.

a min, que me costa moito recitar a berros, quedoume a sensación de que todo o mundo oía e atendía.

tamén fixeron un vídeo a partir dun dos poemas. teño que pelexarme un pouco co youtube para subilo. xa vos contarei en canto o teña.

como sempre, aquí deixo a foto dunha das construcións de pola mañá:


pola tarde presentei construcións na biblioteca de poesía uxío novoneyra de culleredo. non había demasiada xente pero o recital foi bonito e tiven ocasión de coñecer o historiador do concello que é tamén un dos técnicos de cultura, carlos pereira. un tipo interesante e intelixente que se currou unha presentación do acto en tempo record (e non só copiando e pegando de internet) e co que compartimos un café ao remate do acto que agardo non sexa o último.

1 comentarios:

Blogger xenevra dixo...

Unha mañá inesquecíbel, desas que deixan lúas nos ollos asombrados de poemas. Unha mañá onde se enredaron os risos coas palabras para facérmonos sentir que a poesía está viva, aló dos libros e dos manuais; que está viva nas bocas de lúcidas que constrúen futuros nos ollos desta rapazada que se deixa engaiolar.

E non acabei de contar que, o nacemento destas semanas de poesía, hai xa seis anos, veu dos ánimos e as palabras máxivas que Eduardo deixou daquela no meu correo. Cando eu percuraba por estes mundos a maneira de conseguir os poemarios de Letras de Cal.

Grazas aos dous por serdes e estardes con nós.

5/5/09 21:28  

Enviar um comentário

<< Home